Wednesday 15 de May de 2024

A Mancomunidade ensalza o labor dos seus artesáns


Ata o próximo día 23 o Museo do Traxe Juanjo Liñares acolle a mostra dos obradoiros de fiado de la, cestería, plantas medicinais e cosmética natural. Tamén se poderá ver o catálogo audiovisual cos principais artífices da zona

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes levou a cabo a inauguración da mostra dos seus obradoiros artesanais. No acto, celebrado no Museo do Traxe Juanjo Liñares na tarde de onte, non faltaron representantes dos gobernos locais da comarca, encabezados polo seu presidente Roberto Rey.
Tras a presentación dos proxectos e do material exposto proxectouse un catálogo dos oficios artesáns da zona. Un traballo audiovisual asinado por Xosé Rivera e no que se reflexa o labor desenvolvido por catorce artesáns. Nel pódese ver como se realizan seguindo a tradición corozas, zapatos, gaitas, foguetes, candís, artesas, instrumentos de madeira, reloxos, zocos, ferrería, rosquillas e traxes.
Con esta iniciativa a Mancomunidade de Ordes quere engadirlle valor á tradición artesán e mellorar o seu recoñecemento social nos municipios da comarca. Un obxectivo que tivo como actividade central os obradoiros de cestería, fiado de la, plantas medicinais e cosmética natural impartidos durante os meses de outubro e novembro, e nos que participaron preto de 200 veciños e veciñas.
A dita mostra poderá visitarse de balde ata o vindeiro 23 de decembro.